Volve a Festa da Carballeira de Baio con moita música e gastronomía

Celebrarase o domingo 26 de xuño e non se poderá facer lume no chan nin instalar carpas
Celebración
Manuel Lavandeira
Carballeira de Baio. Foto: Concello de Zas

Zas. Como vén sendo habitual -salvo nestes anos de incerteza causada pola Covid- o último domingo do mes de xuño, o día 26, volve a Festa da Carballeira de Baio.

E como non podía ser doutra maneira, haberá música durante todo o día. A festa da Carballeira comeza cunha sesión vermú que amenizarán o Trío Arena e o Dúo D’Festa. De animar a sobremesa encargarase a Charanga Santa Compaña. E xa pola tarde volverán a actuar o Trío Arena e o Dúo Charanga, que tocarán ata ben entrada a noite. Os grupos de música tradicional da Asociación Cultural Adro, de Baio, tamén tocarán algunha peza ao longo da xornada festiva.

A organización da Festa da Carballeira de Baio corre a cargo do Concello de Zas, que conta coa colaboración da Asociación Cultural Adro e da Comisión de Festas de Baio.

Co fin de preservar a carballeira e a súa contorna e para que todos e todas os asistentes gocen da festa, non está permitido facer lume no chan, instalar carpas pechadas nin usar equipos musicais. Dende o Concello de Zas pídenlle tamén a toda a veciñanza que agarde ata a tarde do 21 de xuño para marcar os sitios nos que colocarán as mesas debido a que ese mesmo día pola mañá os nenos e nenas do CEIP Labarta Pose despedirán o curso 2021/2022 cunha xornada de xogos. “Entendemos que as cintas ou cordeis que se usan habitualmente para reservar os sitios supoñen un perigo para os nenos e nenas ademais de interrumpirlle a súa xornada de lecer”, afirman. M. L.