Misa, xantar e moita música na festa dos maiores de Muxía

Celebración
Manuel Lavandeira
A artista Pili Pampín foi a encargada de amenizar a sobremesa da Festa dos Maiores. Foto: Concello de Muxía

Tras dous anos de parón pola emerxencia sanitaria da Covid, máis de 550 persoas gozaron este sábado da Festa dos Maiores de Muxía, unha xornada única sendo a primeira vez que a organiza o actual equipo de goberno.

Tras a misa das 11.00 horas cantada pola Coral Polifónica no Santuario de Nosa Señora da Barca, os comensais foron recibidos polo alcalde, Iago Toba, e os concelleiros, Olalla Benlloch e Javier Romar, que os agasallaron cunha pañoleta co escudo de Muxía, un bolígrafo conmemorativo e unha tarxeta de benvida. Outra das novidades foi o menú, no que ao entrante, ao polbo e á carne sumáronlle os langostinos. O grupo de musica tradicional Xaramiños do Corpiño amenizou a entrada no polideportivo e tras o xantar, os asistentes desfrutaron dun concerto de Pili Pampín, que fixo as delicias de todos os presentes. Como final de festa, o Grupo Élite e Manolo Delfín puxeron a guinda a unha xornada moi especial para todos e todas os muxiáns e muxianas.

Iago Toba agradeceu “a todas as persoas que quixeron achegarse a vivir este día tan especial e, tal e como reza a tarxeta de benvida, o máis importante é poder compartir este momento inesquecible con todas elas”.