Xornada de limpeza na contorna natural do faro Vilán de Camariñas

Medio Ambiente
José M. Ramos
Participantes na limpeza diante do faro Vilán cos sacos de lixo recollidos. Foto: AEPT

Un grupo de voluntarios e voluntarias sumáronse á xornada de limpeza do coidal do Vilán e dos accesos ao faro Vilán, de Camariñas, promovida pola Asociación de Empresarios e de Promoción Turística, en colaboración con Mar de Fábula. A actividade enmarcouse dentro das accións ambientais que están a desenvolver con motivo da distinción do faro como Centro Azul.

Durante dúas horas os participantes recolleron unha importante cantidade de lixo “a pesares de que o forte vento dificultou bastante o traballo na zona, que está moi exposta ao nordés”, afirmou Olga Campos, presidenta da asociación empresarial.

A xornada complementouse pola tarde cunha presentación da obra que desenvolve a Asociación Retoque Retro. O acto tivo lugar na sala de exposicións do faro, que reabriu as súas portas semanas atrás e que segue a ser xestionada pola patronal camariñana. “As fins de semana estamos tendo moitas visitas”, sinalou a súa presidenta. Este sábado recibiron, ao longo da mañá, dúas excursións. Agardan que conforme avancen os días a afluencia vaia en aumento, especialmente durante a semana, “pois, de momento, aínda se nota que non estamos na tempada alta do verán”, afirmou Olga Campos