Cambados súmase á lista de concellos con restricións

Fátima Abal apela á responsabilidade individual da cidadanía para facer fronte ás novas medidas na vila, que conta con 22 casos activos
COVID-19
Mateo Garrido
Casa consistorial de Cambados. Foto: Concello de Cambados

O Sergas anunciou na tarde de hoxe que Cambados sumaríase a partires desta madrugada á lista de concellos con restricións que no Salnés integran xa Vilagarcía, Vilanova, Sanxenxo e Meis.

A medida non se toma por un aumento significativo dos casos activos, dado que “Cambados conta hoxe con 22 casos activos, os mesmos ca onte”, explica Fátima Abal. Trátase dunha medida de precaución por parte das autoridades sanitarias que segundo a rexedora cambadesa “xa nos imaxinábamos tras a reunión de onte que cara este fin de semana ou como moito para luns íamos a ter este tipo de restricións”.

Deste modo, a partir de mañá na vila do Albariño, redúcese o aforamento na hostalaría –onde non se poderá consumir na barra–, lugares de culto e establecementos comerciais ao 50%, cunha excepción, como é o caso das terrazas onde o aforo tamén se reduce pero ao 75%. Non poderán tampouco os cambadeses facer grandes reunións, xa que se limitan a 10 persoas e os nenos terán que buscar xeitos alternativos de entretemento porque os parques infantís tamén permanecerán pechados.

BÓ FUNCIONAMENTO DAS MEDIDAS EN VILAGARCÍA. Unhas medidas que seguramente lle sexan familiares xa que son as mesmas que pesan sobre 4 concellos da comarca. Un destes concellos é o de Vilagarcía, onde estas restricións comezaron a funcionar hai unha semana, o mesmo día que se fixo público o brote orixinado na planta de produción de Avigal en Cambados, con case cen positivos, bastantes deles –traballadores ou contactos destes– con domicilio na capital do Salnés. De feito, segundo as autoridades sanitarias, boa parte dos casos en activo teñen que ver con este foco.

Non obstante, despois dunha semana, os datos son sen duda positivos. Actualmente, Vilagarcía conta con 59 casos activos –tan só dous máis que hai unha semana–, descendendo dende os 71 do martes, grazas á freada dos contaxios e á boa evolución dos casos activos.

EVOLUCIONAN NOS SEUS DOMICILIOS. Presentan tamén unha boa evolución os 22 casos activos de Cambados, “a boa noticia, por asi decilo” como a catalogou a alcaldesa Fátima Abal. Xa que a día de hoxe a gran maioría son asintomáticos, casos nos que “polo momento a enfermidade non reviste ningún tipo de gravidade”, polo que evolucionan a través de seguimento domicilario.

XUNTANZA DA MANCOMUNIDADE. Os alcaldes da Mancomunidade do Salnés mantiveron no día de onte unha reunión na que participaron o xerente da área sanitaria e un director xeral da Consellería e onde os rexedores puideron coñecer por primeira vez os datos epidemilóxicos do seu concello por man da autoridade sanitaria. Neste momento, –con Cambados– son xa 5 dos 9, os concellos onde pesan restricións, aínda que como Jose Cacabelos, alcalde do Grove, adiantou a este xornal a pasada semana: “existe vontade de reunirse e falar para ver que é o mellor dada a gran mobilidade da comarca, pero fannos falta datos”. Agora que teñen as cifras, haberá que ver como se materializa esa vontade na xuntanza que terá lugar na sede da Mancomunidade en Cambados o vindeiro 12 de outubro. Ata aquel entón, os rexedores manterán contacto cos responsables do Sergas cada martes e xoves para facer un seguimento da situación epidemiolóxica da comarca.