Continúa a loita por manter os empregos da fábrica de Rons

Os traballadores de Thenaisie están en folga dende onte e tratan de que a Xunta se implique na búsqueda dunha solución // Haberá mobilización o domingo
Emprego
M. Triñanes
A última mobilización polo mantemento dos empregos na fábrica. Foto: EU O Grove

Os traballadores da conserveira Theinaisie Provote –popularmente coñecida como fábrica de Rons– iniciou onte a primeira xornada da folga convocada polos sindicatos CCOO e CIG e o comité de empresa, que foi apoiada pola totalidade do cadro de persoal na asemblea celebrada a pasada semana nas dependencias do Club de Remo Mecos. A decisión tomada no citado cónclave foi a de iniciar unha folga de 6 días –repartidos en dúas semanas (15, 16, 17 e 22, 23, 24)– e voltar á mobilización, que nesta ocasión terá lugar o vindeiro domingo nas rúas da vila meca para demandar ao Goberno galego a súa implicación en darlle unha solución á situación da conserveira, propiedade da firma romanesa Scandia Foods, que está bloqueando as negociacións para a venda da empresa a pesares de levar dende maio sumida nun concurso de acredores.

A primeira xornada de paro foi secundada por case a totalidade dos traballadores, con só dous administrativos acudindo aos seus postos de traballo, mentres que o resto do persoal concentrouse ás portas do centro de traballo no horario de entrada, ás 5 horas da mañá.

A PROBLEMÁTICA XA CHEGOU AO PARLAMENTO. O BNG estivo dende o inicio moi atento a este conflito laboral, da man da cambadesa Montse Prado, elevando incluso a situación ata o Parlamento Galego; onde o principal grupo da oposición cuestionou ao Goberno galego cales eran as medidas postas en marcha para garantir a continuidade da conserveira ou se tiña valorado a Xunta as consecuencias que ocasionaría no Grove e na comarca do Salnés o peche da conserveira e a perda dun total de 125 postos de traballo directos.

O cadro de persoal reclama o apoio do pobo na mobilización do domingo. Terano por descontado, como xa se viu nas dúas manifestacións que xa tiveron lugar nos últimos meses, e é que a fábrica de Rons é querida e apreciada por todos os mecos. De feito, en poucas familias da vila non hai cando menos unha persoa que traballara nesta conserveira que leva xa instalada na vila dende 1.904.