Miles de veciños mecos quedan sen auga tras unha avaría na rede de abastecemento municipal

A partires das 13:00 horas comezaba aos poucos a restauración do servizo // Cacabelos vincula a avaría ao deterioro dunhas tubaxes “de fai máis de 40 anos” que permanecen en moitas rúas mecas
Abastecemento de auga
Mateo Garrido
Así lucía a focha esta mañán. Foto:Cedida

Arredor de 1.500 veciños do Grove espertáronse hoxe sen auga após producirse unha avaría na rede de abastecemento municipal na avenida Tenente Domínguez, un dos viais máis importantes na entrada ao concello arousán. A rotura produciuse xa de madrugada, non obstante, os servizos de Emerxencia da localidade “non puideron romper o asfaltado ata primeira hora da mañá, ao precisaren maquinaria expresa para facelo”, como explicou a este diario José Cacabelos, alcalde do Grove.

A avaría deixou sen auga aos veciños de Ardia, Xoán XXIII, A Graña e da propia avenida do Tenente Domínguez, ata que a última hora da mañán –sobre as 13:00 horas– comezouse a dar auga pouco a pouco para controlar a presión das tubaxes e que estas non volveran a rebentar.

Segundo apunta Cacabelos, “a avaría está vinculada ao deterioro das propias tubaxes, de feito, fai catro anos cambiamos a parte que vai dende a ponte da Toxa ata a metade da avenida de Tenente Domínguez, que era o orzamento que tiñamos e quedou todo ese tramo sen cambiar, de aí ven a avería. Estamos falando de tubaxes de fai máis de corenta anos que permanecen en moitísimas rúas do Grove, e esta ademais, ten a particularidade de ser unha rede de abastecemento xeral dunha zona moi amplia, e se se rompe como aconteceu hoxe, pois quedan sen auga varios miles de veciños”.

A pesares de que o problema da rotura de tubaxes é un mal endémico no Grove. Cómpre recordar que durante este ano as tuberías que levan a auga do río Umia ao Grove sufriron roturas no seu tramo máis sensible, no istmo do Bao. Non obstante, nesta ocasión a avaría non ten nada que ver coa problemática que existe co abastecemento da auga do Salnés, “xa que esta pertence á rede municipal, non á da Mancomunidade, pero si que é importante porque volve outra vez a demostrar a necesidade de cambiar tubaxes cada vez que abrimos unha rúa, porque están todas en moi mal estado”, ditaminou o rexedor meco.