Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
MATEO GARRIDO TRIÑANES / Periodista / Galicia

Os cada día máis difíciles comezos

Vivimos nos tempos da sociedade líquida da que nos falou o sociólogo polaco Zygmunt Bauman.

Unha modernidade na que as realidades sólidas de tempos pasados, deixan paso ao provisorio e a unha ansiedade pola novidade que nos extenúa máis que a nosa propia actividade cotiá; e que inevitablemente fomenta o individualismo, apartándonos dos que temos ao noso redor.

O xornalismo non é impermeable á comunidade á que informa e vive nos tempos do inmediato e da difícil adaptación a un mundo cada día máis dixital. Os tempos do nacemento das fakenews e da inmediata aparición de programas e medios dedicados ao fact-checking; nada pode exemplificar mellor a liquidez e a reiterativa busca da inmediatez no gremio nestes días, ademais da dificultade para as novas xeracións de facerse un oco nos medios tradicionais de comunicación, apostando cada vez máis polo submundo das redes sociais.

Eu non son xornalista, cando menos de formación. Cheguei a EL CORREO GALLEGO hai un ano escaso, tras ter a sorte de adquirir unha das prezadas prazas do programa de prácticas que esta casa concede na Facultade de Ciencias Políticas da USC. Con moitas ganas de aprender mais con algunha que outra reserva causadas polo –agora tan popularmente coñecido– síndrome do impostor. En definitiva, medo a sentirme un pouco fóra de sitio.

Non foi así, como dirían na miña vila –O Grove– “caín de pé” nunha redacción inmersa nos comicios xerais de pasado ano, para os que comecei a traballar de inmediato facendo entrevistas aos distintos candidatos. Nada máis estimulante para un case egresado de Políticas.

As prácticas remataron e tras unha serie de colaboracións tiven a sorte de poder volver fai uns meses á redacción que me abriu as portas dunha profesión que desexo non abandonar, así como o reencontro cuns compañeiros que convirten a redacción nun foro de debate, un aulario ou nunha hilarante narración de anécdotas entre cafés e teclas.

Mirando cara atrás, e con perspectiva, doume conta do gran acerto de ter comezado aquí as prácticas e da sorte que tiven de atopar un capital humano como o da sección de Galicia desta casa, e todo o que me ensinaron. Unha aprendizaxe –que espero– non fixera máis que comezar.

16 jun 2020 / 00:44
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito