O IES Monte da Vila, cuna de talento empresarial

Mozos do Grove acadan a terceira posición a nivel estatal na final do Young Bussiness Talents // O instituto local leva anos participando deste simulador empresarial chegando á final repetidamente
Educación
Mateo Garrido
Os membros do equipo Calculones tras a finalización da proba final na biblioteca do IES Monte da Vila. De esquerda a dereita: Alan Otero, José Couso, Raúl José Salgado e Julia Cousido. Foto:Cedida

Catro mozos mecos acadaron durante o anterior fin de semana o terceiro posto na final estatal do simulador empresarial Young Bussiness Talents, que por mor da situación sanitaria provocada polo coronavirus, celebrouse por primeira vez de xeito virtual e non en Madrid, como viña sendo costume durante as pasadas edicións deste concurso.

O equipo Calculones que formaban José Couso, Julia Cousido, Raúl Salgado e Alan Otero comezou o programa durante o pasado mes de novembro xunto con máis de 3.000 equipos do conxunto do Estado. “Dende un principio o plantexamento era chegar a final a verdade” pois segundo subliña Raúl José Salgado: “sabendo que no pasado xa moitos equipos do instituto chegaran –incluso un equipo o ano pasado–, non queríamos ser menos”. Cun obxectivo claramente definido, este grupo de mozos –estudantes de 2º de Bacharelato durante o pasado curso– tomouse o programa “en serio” dende as primeiras fases preliminares coa intención de dominar o simulador no menor tempo posible.

Unha labor que lograron con creces, pois xa no mes de febreiro tras gañar as semifinais, coñecían que acudirían a Madrid á final estatal durante o mes de abril. Non obstante, a pandemia do coronavirus cortou tanto o normal transcurso da competición, pois a final perdeu a presencialidade e tivo que adiarse, como a preparación destes mozos. “A preparación para a final non foi exhaustiva. Xa dominabamos o simulador de todo o tempo que pasáramos utilizándoo, tomando decisións, pero si é certo que había certos aspectos do xogo que, ao pasar tanto tempo, non recordabamos; pequenos matices, que podían supoñer a derrota”, explica Raúl José Salgado.

Estas dudas levaron aos mecos a repetir na primeira fase da final, celebrada o pasado fin de semana, o mesmo plan que empregaran nas semifinais de febreiro, unha estratexia conservadora coa que deron inicio á gran final e que lles valeu para alzarse gañadores da primeira ronda. “A partir de aí, nos seguintes plans, foron poucos os cambios que fixemos, simplemente pequenos axustes, sabendo que as nosas decisións eran sólidas”, unha solidez que finalmente foi a que lle confiriu o terceiro posto a nivel estatal.

Agora estes rapaces enfróntanse a un novo reto como é o de dar comezo a unha carreira universitaria. A pesares dos grandes resultados acadados neste concurso, ningún dos catro mozos aposta por iniciar unha carreira relacionada coa economía ou a empresa. Non obstante “non descartamos facer un master relacionado coa xestión de empresas nun futuro; nunca se sabe. Ademais, somos conscientes da posibilidade dun futuro emprendedor nas nosas vidas”, sentencia Salgado.