A Pobra acolle este xoves unha concentración de apoio á hostalería

Hostalaría
Suso Souto
Hostaleiros e representantes do sector do Barbanza: pola esquerda, Pablo Losada (A Pobra), Paula Chouza (Ribeira), Fran Rey (Boiro), Quin Riveiro (Boiro) e Tucho Lijó (Ribeira). Foto: Suso Souto

Este xoves día 3 terá lugar na Pobra unha concentración ao longo da estrada comarcal AC-305, dende a rotonda da estación de autobuses ata o cruce coa rúa Venecia, incluíndo as rúas Díaz de Rábago, Paz e Gasset, en apoio ao sector hostaleiro ante a delicada situación que está atravesando no marco da crise sanitaria, que manten ó sector parado polo peche perimetral do municipio. Terá unha duración de media hora, dende as 12.00 ata as 12.30.

Como acción simbólica de apoio á hostalería proponse consumir un café e desprazarse dende o establecemento ata o tramo de rúa máis próximo, ocupando a calzada da AC-305. Sempre garantido as medidas de prevención en canto ao uso da máscara e á distancia de seguridade. Comezarase unha recollida de sinaturas para entregar ao Comité Clínico, cun texto reivindicativo sobre a situación actual do sector da hostalería e outros negocios afectados polo peche obrigatorio.