A Pobra ampliará o centro sociocultural e reformará o parque do Camiño Ancho

Piñeiro anuncia tamén a rehabilitación da área infantil sita no entorno da praia da Lombiña
Parques infantís
Suso Souto
Pola esquerda, a concelleira Patricia Lojo; o alcalde, Lois Piñeiro; e as edís Amparo Cerecedo e Charo Varela. Foto: C.P.

A Pobra. O goberno pobrense avanzou a relación dos proxectos que se enmarcarán no Plan Único (POS+2021) da Deputación da Coruña, polo cal corresponderán ó Concello 318.971 €. No que respecta ó Plan Complementario, contempla a reforma e ampliación do centro sociocultural do Camiño Ancho, cun investimento de 297.261 €.

Entre as actuacións máis destacadas do citado plan figuran tamén a mellora da accesibilidade no parque infantil do Camiño Ancho, por 33.006 euros (23.148 por parte da institución provincial e 9.858 da administración local) e a rehabilitación do parque infantil da praia da Lombiña, unha actuación moi demandada pola veciñanza da zona. Esta última instalación constará dunha área con caucho e dotarase de novo mobiliario e xogos para as crianzas, o cal comporta un orzamento de 48.060 euros (32.000 euros da Deputación e 16.060 euros do Concello).

Asimesmo, instalarase a rede de pluviais e pavimentarase o vial de Tarrío, cun orzamento de 48.179 euros.

En canto a estas intervencións, o alcalde, Lois Piñeiro, aclarou que non requiren licitación, polo cal se axilizará a tramitación e, en consecuencia, a súa execución. s. s.