A Pobra axuda aos estudantes con ata 150 € para transporte

Transporte escolar
Suso Souto
Fachada do consistorio da Pobra. Foto: Turismo.gal

A Pobra. O Concello da Pobra do Caramiñal convoca novamente unha liña de axudas económicas para o estudantado local para desprazamento a centros de ensino. A contía total destinada a estas achegas ascende a 9.000 euros para o curso académico 2022-2023. O importe máximo para cada persoa beneficiaria oscila entre 100 e 150 euros, dependendo da distancia ó centro de estudos.

O prazo para a presentación das solicitudes remata o un de febreiro. Poderán ser beneficiarios destas axudas os alumnos que, cumprindo os requisitos estipulados nas bases, estean a realizar algún dos seguintes estudos: ensinos universitarios adaptados ó Espazo Europeo de Educación Superior conducentes a títulos oficiais de grao e de máster; ensinos universitarios conducentes ós títulos oficiais de licenciatura, enxeñaría, arquitectura, diplomatura, mestra/e, enxeñaría técnica e arquitectura técnica; complementos de formación para o acceso ó máster, grao ou para proseguir estudos oficiais de licenciatura; ensinos da Formación Profesional; ensinos da Educación Especial; ou Bacharelato para opcións non ofertadas nos centros da Pobra do Caramiñal ou que non dispoñan de prazas vacantes. suso souto