A Pobra celebra o Día do Libro con contacontos

Día do Libro
Suso Souto
Pola esquerda, o bibliotecario municipal, José Carlos Vidal, a edil de Cultura, Patricia Lojo, e a técnica do Museo Valle-Inclán, Araceli Abad, na presentación dos actos. Foto: C.P.

A POBRA. Co gallo do Día Internacional do Libro, que se conmemora este sábado 23, o Concello da Pobra programa dous contacontos para fomentar a lectura nun contexto dinámico e cun enfoque sociocultural. A biblioteca municipal será escenario este venres 22, ás 18.00 horas, do contacontos Habelas hainas, no cal Leo Leiño lles ensinará ás crianzas de máis de 6 anos as tradicións e lendas galegas: a Santa Compaña, Santo André de Teixido, celtas e druídas, romarías, etc. E o Museo Valle-Inclán albergará o domingo 24, ás 18.30 horas, unha sesión (para nenos e nenas a partir de 8 anos), a cargo da contadora Charo Pita, onde o relato protagonista será O meu bisavó, un breve conto escrito por Valle-Inclán que recolle un episodio da vida dese antepasado seu. A edición que serve de base para a narración é unha tradución ao galego do conto orixinal, editada en 2019 pola propia institución museística e o Concello. En ámbolos casos, a entrada é libre. suso souto