A Pobra desmantelará o parque da Lombiña para construír outro novo

O Concello xa conta co informe favorable para actuar, pois é zona de servidume de Costas
Parques infantís
Suso Souto
Imaxe parcial do boceto do futuro parque da Lombiña. Foto: C.P.

A Pobra. O Concello da Pobra vai acometer con cargo ó POS da Deputación un proxecto moi demandado pola veciñanza e que, segundo o alcalde, Xosé Lois Piñeiro, “xa leva demasiado tempo en espera”. Trátase da rehabilitación integral do parque infantil da Lombiña, aínda que, en realidade, vaise desmantelar por completo para construír un totalmente novo.

O proxecto contempla a instalación dunha lousa de formigón sobre a que irá o pavimento de caucho. Nas zonas que non levan xogos óptase por unha superficie diferente, de xabre-cemento.

A combinación destes dous elementos ten un aspecto semellante á terra natural, cunha maior resistencia á erosión, o que reducirá as tarefas de mantemento no futuro. O orzamento é de 48.060 €.

O proxecto xa fai moitos meses que se enviou ao servizo provincial de Urbanismo, como entidade que conta coas competencias para informar en zona de servidume de Costas, que é onde se atopa o actual parque. O Concello pobrense aínda non recibiu contestación, pero si comunicación verbal de que a resolución será favorable. s. s.