A Pobra destinará sete mil cincocentos euros a axudas ó transporte estudantil

Establécese un importe máximo por persoa de cento cincuenta euros, e o prazo ábrese hoxe
Educación
Suso Souto
O alcalde da Pobra, Lois Piñeiro. Foto: Suso Souto

A Pobra. O Concello da Pobra do Caramiñal convoca unha liña de axudas económicas para estudantes locais de familias con menos rendas, destinadas ao desprazamento a centros de ensino no curso académico 2020-2021. A contía total destinada pola administración local a estas achegas fíxase en 7.500 €.

O importe máximo para cada persoa beneficiaria oscila entre os 100 e os 150 euros, dependendo da distancia ó centro de estudos. O prazo para a presentación das solicitudes é de quince días hábiles, a contar dende hoxe martes.

As persoas que concorran deben cumprir os requisitos que se detallan na convocatoria e poderán ser beneficiarias as que estean realizando algún dos seguintes estudos: ensinos universitarios adaptados ó Espazo Europeo de Educación Superior conducentes a títulos oficiais de grao e de máster; ensinos universitarios conducentes ós títulos oficiais de licenciatura, enxeñaría, arquitectura, diplomatura, mestre, enxeñaría técnica e arquitectura técnica; complementos de formación para o acceso ó máster, grao ou para proseguir estudos oficiais de licenciatura; ensinos da formación profesional; ensinos da educación especial; ou bacharelato para opcións non ofertadas nos centros da Pobra do Caramiñal ou que non dispoñan de prazas vacantes.

A convocatoria destas axudas está publicada na páxina web do Concello, onde se indica a documentación que se debe presentar. s. souto