A Pobra difunde entre os cativos o seu patrimonio con varias visitas guiadas

Patrimonio cultural
Suso Souto
MUSEO. Alumnos do CEP Salustiano Rey na visita guiada ó Museo Valle-Inclán. Foto: C.P.

A POBRA. O Concello da Pobra do Caramiñal atópase desenvolvendo unha serie de itinerarios guiados cos que pretende difundir a cultura e o patrimonio do municipio entre o alumnado dos centros de ensino da localidade. Esta semana foi a quenda de dous grupos de terceiro de Educación Primaria do CEP Salustiano Rey Eiras, que se desplazaron ata o Museo Valle-Inclán, onde puideron coñecer a historia do inmoble e datos sobre a vida e obra do escritor Ramón María del Valle-Inclán da man da técnica da institución museística, Araceli Abad. Posteriormente, unha das técnicas de Turismo do Concello, Ángeles Tubío, guiounos no seu percorrido por outros lugares de interés patrimonial, como o Cantón da Leña, a Praza de Victoriano García Martí, a casa consistorial ou Villa Eugenia. O programa continuará con outros colexios. s. s.