A Pobra habilita un servizo de atención socioeducativa en seis colexios

Educación infantil
Suso Souto
PRESENTACIÓN. Pola esquerda, Olaia González, Amparo Cerecedo e Lidia Martínez presentaron o novo servizo. F: C.

A Pobra. Fomentar a educación da infancia a través de actividades preventivas e formativas que promovan o exercicio da maternidade e a paternidade positivas é a base sobre a cal se asenta Espazos en Centros Educativos, o novo servizo de atención socioeducativa posto en marcha polo Concello da Pobra.

A iniciativa foi presentada pola concelleira de Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, e vaise desenvolver coa colaboración da Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy en seis colexios da localidade: as unitarias do Vilariño, A Granxa e A Angustia, a EEI Fernández Varela, o CEP Salustiano Rey Eiras e o CEP Pilar Maestú Sierra.

Na presentación participaron, xunto a Cerecedo, Olaia González, en representación de dita asociación, e a educadora familiar, Lidia Martínez.

Esta nova ferramenta de balde estará dispoñible a vindeira semana. Constitúe un lugar e un tempo de encontro para a formación cunha psicóloga para dar resposta a necesidades e inquedanzas detectadas polo persoal educativo dos centros de ensino: habilidades sociais, habilidades de comunicación, educación non sexista, educación en valores, normas e límites, educación emocional, resolución de conflitos e redes sociais.

Está dirixida a alumnado da Educación Infantil e Primaria, así como ás súas familias e profesorado. Nas accións traballarase semanalmente durante o curso lectivo en grupo, aínda que tamén se farán intervencións individuais coas familias. s. souto