A Pobra homenaxeará a Rosalía cunha mostra na alameda, unha ofrenda e un xogo-concurso

Día de Rosalía
Suso Souto
PRESENTACIÓN. Patricia Lojo, esquerda, e Fita Sanisidro. Foto: C.P.

A Pobra. O Concello da Pobra do Caramiñal súmase novamente á celebración do Día de Rosalía de Castro (o vindeiro mércores 23) e organiza varias propostas coas cales continuar co labor divulgativo da súa persoa, obra e, polo tanto, do seu legado, tal e como explicaron a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro. Como novidade, instalaranse na alameda uns paneis informativos que fan un repaso pola biografía da autora e nos que se amosan tamén varias fotografías súas.

Así mesmo, no propio día 23 efectuarase a tradicional ofrenda cívica na céntrica praza que leva o nome da escritora, ás 13.00 horas.

Impúlsase, ademais, unha nova edición do xogo-concurso As sete Rosalías, co cal achegarlles ás crianzas a figura da intelectual galega dun xeito didáctico e cun compoñente lúdico. Consiste en atopar varias siluetas recortadas coa forma de Galicia que conteñen no seu interior o rostro de Rosalía acompañado de versos seus. Estas pezas xa están expostas nos escaparates de diversos establecementos da localidade.

Sortearanse 50 lotes de agasallos entre todos os acertantes. S. Souto