A Pobra organiza un xogo-concurso para nenos sobre Rosalía de Castro

Día de Rosalía
Suso Souto
A edil de Cultura da Pobra, Patricia Lojo, e a técnica de dito departamento, Fita Sanisidro, presentaron a programación. Foto: C.P.

A Pobra. A Praza de Rosalía de Castro da Pobra acollerá este mércores 24 ás 13.00 horas o tradicional acto institucional consistente na lectura pública e ofrenda floral en homenaxe á autora. Ademais, o Concello organiza este ano o xogo-concurso As sete Rosalías, dirixido ás crianzas para lles achegar a Rosalía dun xeito didáctico e lúdico.

A actividade consiste en atopar varias siluetas recortadas coa forma de Galicia que conteñen no seu interior o rostro da intelectual acompañado de versos seus. Estas pezas exporanse nos escaparates de diversos establecementos do 22 ó 28. O desafío reside en buscar as sete versións diferentes da imaxe que ilustra o cartel deste ano, xa que non todas son iguais.

Poden participar os nenos e nenas pobrenses de 6 a 12 anos que teñan un impreso repartido no colexio Salustiano Rey ou no Pilar Maestú.

Unha vez atopadas, deberán anotar no folleto a diferenza e en que instalación se sitúa. Se superan o reto, deben entregar os impresos debidamente cubertos cos datos nos centros de ensino.

O dous de marzo realizarase un sorteo entre todos os acertantes. Hai 25 premios consistentes nunha botella térmica e uns auriculares. s. s.