A Pobra pon en marcha un servizo integral de asesoramento xurídico para inmigrantes

Abarcará tramitacións sobre procesos de regularización, pensións, homologación de títulos e agrupación familiar
Inmigración
Suso Souto
Amparo Cerecedo e Patxi Hurtado na presentación do novo servizo. Foto: C.P.

A Pobra. Baixo a premisa de favorecer a inclusión social das persoas inmigrantes, o Concello da Pobra pon en marcha un servizo de asesoramento xurídico da man da ONG SenValos e que entrará en funcionamento o vindeiro martes día 22.

A concelleira de Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, explicou que a administración local aposta por esta iniciativa para dar resposta á demanda existente nesta materia, para a cal se contará coa referida organización pola súa experiencia e sensibilidade, pois fixo fincapé en que “non falamos de números, senón que falamos de persoas”.

Doutra banda, o presidente da ONG SenValos, Patxi Hurtado, manifestou que afrontan este programa con ilusión para abordar así as necesidades das persoas inmigrantes en materia de estranxería e que abranguerá diversos aspectos: procesos de regularización, reagrupación familiar, elaboración de escritos, recursos, homologación de títulos, tramitación de pensións, etc.

Se ben a atención presencial se desenvolverá no local do departamento de Servizos Sociais no último martes de cada mes e en horario de mañá, tamén existe a posibilidade de facelo extensible ás tardes para adaptarse á dispoñibilidade das persoas usuarias, ademais de concertar outras datas para o acompañamento na realización de trámites fóra das dependencias municipais.

Así mesmo, Amparo Cerecedo explicou que se habilitará un número de teléfono de contacto e whatsapp para situacións de urxencia.

As persoas interesadas poden solicitar máis información e concertar a súa cita a través do número de teléfono de contacto 981 832 764 ou acudindo directamente ao departamento municipal de Servizos Sociais, que está situado fronte á casa consistorial pobrense. s. souto