A Pobra solicita o apoio do Estado para restaurar dúas naves de salazón

Patrimonio industrial
Suso Souto
VISITA. Gómez-Reino, pola esquerda, Lois Piñeiro e a concelleira Estefanía Ramos, diante das dúas antigas plantas de salazón de Os Areos que o Concello quere rehabilitar. Foto: C.P.

A POBRA. O alcalde da Pobra, Lois Piñeiro, visitou este venres dúas das antigas plantas de salazón do paseo de Os Areos (as situadas entre a ponte de Santo Antonio e a antiga discoteca Bumerang) xunto co deputado de Galicia en Común Antón Gómez-Reino, a quen lle pediu apoio para o proxecto que ten o Concello de cara a restauralas e darlles un uso multifuncional. Requiriría un investimento dun millón de euros. O rexedor destacou a importancia do proxecto que houbo no seu día de Costas para rexenerar esa zona eliminando o vial e retranqueando o paseo marítimo para ampliar o areal. Gómez-Reino ve “imprescindible apoiar con financiación pública, tamén do Estado, un proxecto como este”. Pola súa banda, Costas vai derrubar en breve as outras dúas naves desa zona (as que antigamente ocuparon Bumerang e Lumafer). S. S.