A Real Filharmonía de Galicia actuará en Boiro o venres

Estará dirixida polo músico local Diego García no exterior
do Pazo de Goiáns
Concierto
Suso Souto
O músico boirense Diego García Rodríguez dirixirá a Real Filharmonía o venres. Foto. D.G.R.

Boiro. O emblemático Pazo de Goiáns, de Boiro, acollerá o vindeiro venres día 22 ás 21.00 horas un concerto da Real Filharmonía de Galicia.

“Estamos moi contentos de poder acoller este concerto porque a Real Filharmonía de Galicia non acostuma facer actuacións fóra e vai tocar nun espazo incomparable: o Pazo de Goiáns”, dixo a edil de Cultura, María Outeiral.

A orquestra estará dirixida polo boirense Diego García Rodríguez, ben coñecido polo público da citada formación. Os seus compromisos como director invitado comprenden orquestras, teatros de ópera e festivais estatais e europeos. A Real Filharmonía e a Orquestra Sinfónica de Galicia, as orquestras de Castela e León, do Principado de Asturias e de Extremadura, a Orchestre des Pays de Savoie (Francia) ou a Akademicka Orkiestra Bydgoszcz son algunhas das máis destacadas.

O programa estará formado por Abertura de Don Giovanni de Mozart e a Sinfonía nº7 en La menor de Beethoven. A orquestra vai actuar sen ningunha amplificación de son e a acústica será a propia do espazo, polo que o aforo será reducido.

A capacidade que se estima é para 400 persoas (con reserva previa) e o concerto é gratuíto. En caso de choiva o espectáculo trasladarase ao interior do pazo. s. souto