A Xunta somete a exposición pública o plan reitor de usos e xestión do parque natural de Corrubedo

Medioambiente
Suso Souto
Pola esquerda, Manuel Ruiz, Gonzalo Trenor e José Luis Torres Colomer, este luns no parque natural de Corrubedo. Foto: Xunta

A Xunta de Galicia somete desde este luns a información pública o Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) do complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán (Ribeira).

Así o anunciou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, nunha visita ao parque natural, onde lembrou que, o pasado 12 de marzo, a xunta reitora do parque natural xa fora informada do contido do decreto de modificación do Plan de Ordenación de Recursos Naturais (PORN) e de aprobación do PRUX. Un documento que inclúe tres anexos coa proposta de zonificación, o contido do novo plan reitor e a cartografía.

Unha vez superado este trámite, o novo instrumento está xa a consulta pública por un período de 15 días. Finalizado o devandito prazo e tras analizar as achegas recibidas e valorar posibles modificacións, o PRUX remitirase ao Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentable (Cogamads) para sometelo ao seu informe, previsiblemente no mes de abril. Este será o último paso antes da súa aprobación definitiva por parte do Consello da Xunta.

Trenor destacou que o PRUX é un documento requirido pola Lei de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia para regular os usos públicos dos parques e reservas naturais da Comunidade, así como as medidas de xestión necesarias para compatibilizalos coa conservación destes espazos.

O novo plan reitor desenvolve as directrices emanadas do PORN aprobado en 1992 a través do establecemento de medidas de regulación específicas das diferentes actividades e de conservación da compoñentes clave da biodiversidade, á vez que precisa os criterios de zonificación así como a propia xestión do territorio, tendo un compromiso claro coa súa conservación e o seu uso racional a través de accións locais, rexionais e nacionais.

Os principais obxectivos que fixa o PRUX para o complexo dunar son xerar e reforzar canles para o fomento do coñecemento científico e a divulgación, regular as actividades de uso público, os aproveitamentos e calquera outro uso, establecer un marco normativo para o desenvolvemento sustentable da poboación local, realizar unha proposta orzada de accións a desenvolver e establecer as bases para seguimento e avaliación. Así mesmo, tamén establece e regula os usos dentro de cada unidade de zonificación establecida.

As case 1.000 hectáreas que abarca o parque divídense en tres: zona 1 ou de uso limitado (573 ha), áreas con valores naturais excepcionais que requiren dunha maior protección, diferenciando entre zona litoral e zona de lagoas e marismas; zona 2 ou de uso compatible (369 ha), áreas que albergan hábitats prioritarios ou de interese comunitario, ou de interese para a conservación, incluíndo espazos moi demandados polo uso público, como a praia; e zona 3 ou de uso xeral, que inclúe os terreos desnaturalizados pola actividade humana ou nos que se xera unha actividade antrópica elevada, como parcelas urbanas, equipamentos e infraestruturas de uso público.

Entre as medidas concretas fixadas no PRUX, fai falta subliñar a erradicación ou control da presenza de especies exóticas invasoras (EEI) dentro do seu ámbito, marcándose como obxectivo reducir como mínimo nun 75 % a presenza de EEI na zona de uso limitado e polo menos nun 25 % no conxunto do parque natural; restaurar aqueles hábitats e especies de interese afectadas pola presenza deste tipo de especies; e evitar expresamente o cultivo da acacia e a cortaderia seollana (herba da pampa).

En canto aos usos e aproveitamentos previstos, seguirase permitindo na zona libre de marisqueo da praia de Ladeira, e baixo as condicións actuais, o aproveitamento de recursos mariños, mentres que con relación aos usos agrogandeiros no parque, tamén se manterán prevéndose a curto e medio prazo que as explotacións continúen sendo pequenas, cun alto grao de parcelación e orientadas, principalmente, a autoconsumo.

De igual maneira, dentro do PRUX inclúense unha serie de directrices co obxectivo de favorecer a diversificación dos aproveitamentos das masas forestais e a progresiva substitución de masas de piñeiro insigne por masas de especies autóctonas. No relativo á praia, permitirase o acceso exclusivamente a pé e só polas vías e áreas autorizadas e prohíbese a realización de windsurf, land windsurf, kitesurf e deportes similares aínda que si se permitirá a práctica de surf e pádel surf de maneira individual.

Outra das novidades introducidas polo documento é o establecemento dun plan de emerxencias, co que se pretende optimizar a utilidade dos recursos técnicos e humanos dispoñibles no parque natural, co obxectivo de controlar de forma rápida a evolución dunha posible situación de risco e minimizar as súas consecuencias sobre persoas, bens materiais, naturais ou culturais que poden producirse ante unha emerxencia.

Trenor estivo acompañado tamén polo presidente da xunta reitora do parque natural, José Luis Torres Colomer.