Ábrese o Pazo de Goiáns ás visitas teatralizadas
Boiro. O Concello de Boiro, a través da concellería de Cultura, deseñou un ambicioso e variado programa de actividades para todo o mes de outubro, que engloba cine, teatros, concertos, exposicións, obradoiros e presentacións literarias en distintas instalacións municipais, así como unhas visitas teatralizadas ao emblemático Pazo de Goiáns.
Nos vindeiros días comezarán xa as visitas teatralizadas ao histórico edificio de Goiáns a cargo da compañía Os Quinquilláns, preparadas tras un proceso de colaboración dos veciños e veciñas, que aportaron información, historias e lendas ao redor do pazo durante un encontro celebrado o pasado mes de xuño.
As inscricións para estas visitas poderán facerse na casa da cultura a partir do vindeiro luns 17 de outubro.
Os Quinquilláns xa veñen celebrando este tipo de visitas a outros lugares senlleiros de Galicia, como o Dolmen de Dombate, o Castelo de Vimianzo ou as Torres do Allo.
En canto ás exposicións, este mes pódese ver no pazo a titulada Residentes 2022 (con obras das Residencias Artísticas) e esta semana vaise inaugurar a mostra Nuestro Planeta na casa da cultura. s. s.