Dous colexios de Boiro e Vila de Cruces gañan cadanseu accésit no certame Cooperativismo no ensino

Cooperativismo
Suso Souto
Escultura narrativa ca que os alumnos do colexio de Abanqueiro gañaron o accésit.

Boiro. Oito centros educativos de Galicia, entre eles un de Boiro e outro de Vila de Cruces, recibirán os premios do certame Cooperativismo no ensino, que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de fallar.

Trátase dunha iniciativa coa que se pretende difundir e promover os valores desta fórmula de economía social entre a poboación escolar galega, en concreto, entre o alumnado dos centros de Educación Infantil, Primaria, Secundaria Obrigatoria, Educación Especial, FP e ensinanzas de réxime especial.

O certame conta cunha dotación económica de 28.000 euros que se destinan aos premios nas diferentes categorías e modalidades. Na de actividades artísticas para alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil acadou un accésit o CEIP Plurilingüe de Abanqueiro, de Boiro, pola Escultura narrativa realizada por 18 alumnos de 3 a 5 anos. Os cativos fixeron a peza de xeito colaborativo, plantexando a escultura vinculada a unha narración que eles mesmos foron improvisando en función do lanzamento de dados, de tal xeito que os números foron determinando os personaxes, os lugares, etc.

E na modalidade do concurso para proxectos empresariais cooperativos, que premia a centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial, acadou tamén un accésit Contorno accesible, do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces.

Os accésits están dotados con 1.500 euros. suso souto