Acolle o Centro Náutico do Freixo obras de arte creadas con lixo mariño

Arte
Suso Souto
INAUGURACIÓN. Quintana, 3ª pola esquerda, cos alcaldes de Outes, Manuel González, esquerda, e Noia, Santiago Freire, dereita, entre outras autoridades, na inauguración. F: X.

outes. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada dos alcaldes de Outes (Manuel González) e Noia (Santiago Freire) inaugurou este martes no Centro Náutico Municipal do Freixo (Outes) a exposición Arte da mar, onde salientou o importante labor desenvolvido polo sector pesqueiro e marisqueiro galego na loita contra o lixo mariño. A mostra está incluída no proxecto Econoia II da confraría noiesa e está promovida por Mar de Fábula, Alivavá e Mar de Noia. Está composta por creacións realizadas cos materiais atopados nos bancos marisqueiros durante as xornadas de recollida de lixo mariño de Econoia I. Preténdese poñer en valor tamén o importante traballo de limpeza realizado a través de dito proxecto, no que participaron preto de 200 profesionais mediante a recollida de preto de 45 toneladas de residuos de distintos tipos. s. s.