Adxudicada en 284.707 € a pérgola da futura estación de buses de Ribeira

Terá unha lonxitude de case 68 metros, con cinco grandes bóvedas en forma de tellas
Transporte urbano
Suso Souto
Boceto da pérgola da futura estación de autobuses de Ribeira. Foto: C.R.

Ribeira. O Concello de Ribeira adxudicou de xeito provisional as obras para a construción da pérgola da futura estación de autobuses da cidade que, cunha lonxitude de 67,75 metros, servirá de apeadoiro central deste servizo de transporte público e está chamada a ser un novo elemento singular no concello que estará emprazado no paseo do Malecón á altura da Praza Heroínas de Sálvora.

A entidade mellor clasificada durante o proceso de contratación foi a UTE formada por Canarga S.L. e Abeconsa S.L.U. A súa oferta entraña un prezo de adxudicación de 284.707 euros, IVE incluído, en tanto que o prazo de execución é de nove meses.

A infraestrutura estará conformada por cinco grandes bóvedas en forma de tellas de 14,35, 13,14, 11,56, 14,91 e 13,79 metros de longo, con alturas que oscilan na parte superior entre os 4,15 e os 4,65. A pérgola estará orientada lonxitudinalmente en sentido norte-sur para minimizar a exposición aos ventos do sur. Ademais, contará con viseiras de protección a leste e oeste que tamén protexerán fronte aos ventos ao tempo que ofrecen zonas de espera cubertas para os autobuses. O proxecto inclúe a introdución de vexetación. s. s.