Alumnos da Pobra coñecen ‘Jardín Umbrío’ da man do actor Ramiro Neira

Literatura
Suso Souto
TÉCNICAS TEATRAIS. Ramiro Neira tamén lle ensinou ós alumnos do instituto da Pobra técnicas teatrais. Foto: C. P.

A Pobra. O actor Ramiro Neira acercoulle a obra literaria Jardín Umbrío a estudantado de 4º da ESO do IES da Pobra do Caramiñal no marco das XXIV Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán, ensinándolle ademais técnicas teatrais.

Así, a denominación da actividade, Valle-Inclán e ti, acada un gran significado: o alumnado interactuou ao longo de toda a función e mesmo interpretou algunhas das personaxes deste libro, como Juan Quinto, María Isabel ou María Fernanda.

A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, trasladoulle o seu agradecemento pola implicación nesta proposta organizada expresamente para o centro educativo para dar a coñecer a Valle-Inclán dende outra perspectiva.

A concelleira tamén fixo entrega á biblioteca do instituto dun exemplar da publicación de banda deseñada Valle-Inclán, los años del esperpento, do autor Manuel López Poy, que foi presentada nesta edición das xornadas.

As alumnas e alumnos do instituto recibiron, ademais, cadanseu marcapáxinas como recordo do seu paso pola institución museística, na que tivo lugar a actividade. As xornadas na honra do literato continúan este venres coa charla que impartirá ás 20.30 horas no auditorio do museo Xeila Iglesias (da Cátedra de Extensión Cultural Valle-Inclán da USC) titulada Josefina Blanco, unha actriz esquecida. O martes 25, ás 11.00 no museo, Charo Pita ofrecerá a alumnos de Primaria unha sesión de narración baseada na obra O meu bisavó. s. s.