Ambar recibe o galardón Begoña Caamaño polo seu labor cultural a prol da igualdade e da integración

Premios
Suso Souto
Xurxo Couto coas xornalistas Rebeca Munín, esquerda, Fernanda Tabarés, Carmen Merelas e María Obelleiro, e Mercedes Fernández-Albalat. Foto: D.C.

O SON. Un xurado composto polas xornalistas Carmen Merelas, Rebeca Munín, María Obelleiro e Fernanda Tabarés co deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto, como presidente e a xefa de Servizo de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat, como secretaria, decidiu outorgar por unanimidade o V Premio Begoña Caamaño de Acción Cultural pola Igualdade á asociación de persoas con diversidade funcional Ambar do Barbanza polo uso da cultura como ferramenta para a integración e a fin das desigualdades.

O xurado destaca da entidade “o labor que desenvolve desde hai 40 anos para rachar coa dupla discriminación que representa ser muller e ter diversidade funcional, desde un ámbito comarcal e con ferramentas innovadoras afastadas do paternalismo e promovendo a autonomía e a igualdade desde o asociacionismo de base”. O colectivo traballa desde hai case 40 anos co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional, promovendo a súa independencia e igualdade de oportunidades no Barbanza.

Coa súa actividade persegue romper cas barreiras, prexuízos e desigualdades coas que se atopa, evitando perpetuar estereotipos a través de proxectos innovadores que traballan directamente con todos os sectores, moitos deles coas artes como ferramenta.

Ambar aposta pola cultura e a arte para a integración e a eliminación de discriminacións e, así, no ano 2015 naceu o grupo de artes escénicas, que a día de hoxe está integrado na súa totalidade por mulleres.

Entre outras cousas, ademais de xerar unha cultura accesible e transmitir ao público mensaxes de interese social, traslada mensaxes de mulleres con diversidade funcional que se ven moitas veces na obriga de romper un dobre parede de prexuízos: ser muller e ter diversidade. Ademais, cada ano súmase á loita contra a violencia machista. s. s.