Amicos activa uns talleres participativos e itinerantes de arte reciclado

Persoas con discapacidade
Suso Souto
sensibilización. Posto do taller de Amicos en Boiro, co que pretende sensibilizar sobre a reciclaxe. Foto: Amicos

Boiro. A asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos inaugurou este martes os obradoiros participativos de arte reciclado na rúa peonil Pablo Iglesias de Boiro. Todos os martes de agosto repetirá ubicación, de 10.00 a 14.00 horas, co obxectivo de levar ás rúas a súa principal mensaxe de inclusión das persoas con discapacidade na sociedade.

Esta acción de sensibilización permitirá aos participantes no taller coñecer o labor da asociación a través do desenvolvemento de algunhas das actividades que os integrantes de Amicos realizan no seu día a día. As persoas con discapacidade serán as guías dos talleres de arte reciclado e todos os materiais empregados foron recollidos nas limpezas de residuos mariños nas praias que a entidade leva liderando durante todo o ano para proxectos ambientais como RrMar e Peneira.

Estas accións de sensibilización e concienciación repitiranse tamén na alameda da Pobra, todos os mércores de agosto, no mesmo horario, e todos os xoves fronte ó Coliseo Noela de Noia.

A iniciativa ten lugar por segundo ano consecutivo debido á boa acollida dos obradoiros o ano pasado grazas ao equipo Badaboom da asociación. A través do proxecto de patios dinámicos inclusivos denominado Badaboom y los patios japis créase un entorno inclusivo a través do xogo.

O proxecto desenvólvese normalmente no recreo nos centros escolares, pero durante o verán as actividades terán lugar na rúa. s. souto