Amicos deulle formación a 122 mulleres, 27 delas con discapacidade

Teñen traballo sesenta e seis das participantes no Programa Integrado de Emprego 2020-21
Formación
Suso Souto
Participantes no acto de entrega de diplomas dos cursos do PIE. Foto: Amicos

Ribeira. A asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos celebrou este mércores no auditorio de Ribeira a clausura do Programa Integrado de Emprego 2020-2021. O acto estivo presidido polo alcalde, Manuel Ruiz, e por Judit Fontela Baró, xefa territorial de Emprego e Igualdade da Xunta.

No programa do último ano, 122 mulleres participaron nas accións de formación e orientación. Entre as beneficiarias, hai 27 con discapacidade, 31 son menores de 30 anos con baixa cualificación e outras 14 están en situación de risco de exclusión social.

A duración total da formación impartida foi de 1.929 horas. O obxectivo do proxecto é mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral de persoas en situación de desemprego.

Grazas a esta iniciativa, 66 das mulleres participantes nas accións formativas encóntranse traballando na actualidade, e 39 de elas xa cumpliron tres meses desenvolvendo as súas funcións nunha empresa da zona.

O Programa Integrado de Emprego 2020-2021 dividiuse en formación transversal en habilidades de comunicación, traballo en equipo e actitudes positivas para o emprego; formación complementaria para a manipulación de alimentos, prevención de riscos laborais, inglés e formación en novas tecnoloxías; e formación para o emprego, como o certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria en institucións sociais ou o certificado de profesionalidade de operacións básicas de restaurante e bar. suso souto