Amicos e o pósito de Cabo de Cruz reman xuntos na loita contra o lixo mariño

Persoas con discapacidade intelectual implícanse, a través do proxecto Re-Mar, nas boas prácticas para conservar o litoral
Sostenibilidad Ambiental
Suso Souto
Nuria Calo, esquerda, coordinadora de Re-Mar; Carmen Piñeiro e Macarena Fernández, usuarias de Amicos; José Manuel Pérez, patrón maior de Cabo de Cruz; e Xoán España, director xeral de Amicos. Foto: Amicos

A asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos, da comarca do Barbanza, retomou os procesos participativos do proxecto Re-Mar na confraría boirense de Cabo de Cruz. Trátase dun proxecto colaborativo entre os sectores pesqueiros e máis estreitamente ligados ao mar, á poboación local e ós visitantes das illas atlánticas de Galicia e a súa área de influencia, na procura dun modelo de desenvolvemento endóxeno inclusivo baseado na conservación do litoral.

A través dun proceso participativo, definiranse as boas prácticas para a xestión de residuos nas principais actividades económicas do sector pesqueiro. “Queremos fomentar a participación cidadá na redución de lixos mariños a través das persoas con discapacidade”, explicaba Nuria Calo, coordinadora e xestora do proxecto Re-Mar.

Para conseguir a colaboración das diferentes confrarías elaborouse unha guía de boas prácticas de xestión de residuos nas principais actividades do sector pesqueiro. “Estamos colaborando cos pósitos para ver que procedementos teñen xa instalados e cales se poden mellorar”, explicaba Nuria Calo. A cambio das súas boas prácticas poderán recibir o selo participativo de garantía Buque Azul, que é un distintivo que se concede dende Re-Mar a aquelas embarcacións de pequeno tamaño que destacan pola boa xestión dos seus residuos.

“A finalidade do proxecto é conseguir que as persoas con discapacidade sexan un motor de cambio como actores e activistas para a transformación social”, concluía Xoán España, director xeral da asociación Amicos.

Este proxecto está impulsado polo colectivo xunto co Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia en condición de socio, e desenvólvese coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP. “Comezou a finais de 2019 e estamos retomando a súa actividade despois da crise sanitaria vivida polo COVID”, indicou neste sentido Xoán España. s. s.