Amicos sacou xa co proxecto Re-Mar media tonelada de lixo das praias

Implicou a confrarías, centros educativos, empresas e persoas con discapacidade
Persoas con discapacidade
Suso Souto
Participantes na presentación do balance do proxecto Re-Mar a través de videoconferencia. Foto: Amicos

Boiro. A asociación Amicos de Ribeira presentou o balance da primeira etapa do proxecto Re-Mar, co que busca reforzar o vínculo entre os sectores pesqueiros e máis estreitamente ligados ao mar, a poboación local e os visitantes das nosas costas, todo isto liderado polas persoas con discapacidade intelectual.

Esta primeira etapa levouse a cabo dende novembro de 2019. Nas diversas accións de limpeza de praias recolléronse 475 quilos de lixo mariño. En dúas delas participaron pescadores e mariscadores das confrarías de Rianxo e A Illa de Arousa; noutras dúas, buceadores e persoal das empresas Portosub e Náutica Medusa, que fixeron limpezas de fondos; e noutras tres, alumnos dos colexios Santa Baia e Abanqueiro e do IES Espiñeira (Boiro).

Tamén se creou unha App de concienciación cidadá con cincuenta usuarios rexistrados; trinta e tres persoas recibiron formación a través de varias accións; creouse o selo Buque Azul, en virtude do cal se fixeron 21 auditorías a embarcacións no tocante á xestión dos residuos da súa actividade profesional e a pesca sostible; e elaborouse un xogo para as accións de divulgación e sensibilización (O xogo do lixo mariño).

Asimesmo, a empresa Esquío puxo en marcha unha App para xeolocalizar residuos, avistamentos de aves e incluso retos ambientais.

Re-Mar conta co apoio do Parque Nacional das Illas Atlánticas e a Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. s. s.