Ana Boullón ingresará na RAG o sábado 11 na Pobra, a súa vila natal

É investigadora no eido da antroponimia e coordina o ‘Dicionario dos apelidos galegos’
RAG
Suso Souto
A académica electa Ana Boullón. Foto: RAG

A Pobra. A Real Academia Galega (RAG) celebrará o vindeiro día 11 a sesión extraordinaria de ingreso como membro de número da institución de Ana Boullón Agrelo. O acto terá lugar ás 12.30 horas no Teatro Elma da Pobra, vila natal da filóloga.

A académica electa lerá o discurso Todos os nomes: identidade, pobo, país, ao que lle dará resposta o académico Ramón Lorenzo Vázquez.

Boullón, que ocupará a cadeira vacante tras o pasamento de Xosé Luís Franco, é profesora do departamento de Filoloxía Galega da USC, adscrita ó Instituto da Lingua Galega, e unha investigadora de referencia no eido da antroponimia galega, unha das súas liñas de investigación principais xunto á toponimia, a edición de textos e a lexicografía. En 2012 foi elixida académica correspondente e dende entón é membro do Seminario de Onomástica da RAG, aínda que a súa colaboración ca Academia se remonta ós anos noventa. É tamén membro de varias asociacións científicas e presidiu a Asociación Galega de Onomástica, na que segue a formar parte da directiva.

Ten publicado textos medievais non literarios e estudado a transmisión textual da Crónica de Iria, e tamén é coautora de diversos dicionarios, tanto de nomes persoais e de apelidos como de léxico común e especializado.

Na actualidade, por encarga da RAG, Boullón está a coordinar a elaboración do Dicionario dos apelidos galegos, que se atopa en fase de revisión, e a posta en marcha da Guía dos nomes galegos. s.s.