As lonxas de Cabo de Cruz, Ribeira e A Pobra recibiron a ecoetiqueta que certifica unha actividade pesqueira respectuosa co medio ambiente // Pon en valor os pescados e mariscos resaltando a baixa pegada de carbono e a eficiencia enerxética nas capturas // Xa a teñen trinta e tres confrarías TEXTO S. S.

Barbanza súmase á pesca en verde

Sostenibilidad Ambiental
Suso Souto
ENTREGA. De arriba a abaixo, e pola esquerda, a tenente de alcalde de Ribeira, María Sampedro; Antonio López, reitor da USC; Rosa Quintana; o vicerreitor, Gumersindo Feijóo; o patrón ribeirense, José Antonio Pérez, e o xerente da lonxa local, Fernando Carreira; e os dirixentes das confrarías de Vilaxoán, Joaquín Santos; Cabo de Cruz, José Manuel Pérez; Ferrol, Isabel Maroño; e A Pobra, Enrique Maceiras, cas ecoetiquetas. Foto: S. Souto

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, subliñou este venres en Ribeira a transcendencia de contar cun sector pesqueiro responsable que aposte por unha actividade sustentable e respectuosa co medio ambiente e ao mesmo tempo cunha diferenciación das súas capturas que permita aos consumidores elixilos sendo conscientes de que, ao tempo que os mercan, están a coidar a contorna.

Iso é o que permite a ecoetiqueta Pescaenverde que, baixo o paraugas da marca PescadeRías, acredita a baixa pegada de carbono e a taxa de retorno enerxético da frota artesanal e que recibiron as confrarías de Vilaxoán, Cabo de Cruz, Ribeira, A Pobra, Cedeira e Ferrol.

Estas entidades xa estaban certificadas cun selo (PescadeRías, de onde senón?) e agora poderán incorporar a marca Pescaenverde nas súas etiquetas para acreditar esa actividade pesqueira respectuosa co medio ambiente. Con elas, son xa 33 as confrarías de Galicia que contan con este distintivo para darlle valor aos seus produtos facendo ver aos compradores que son capturados cunha baixa pegada de carbono e de xeito eficiente enerxeticamente.

A conselleira incidiu en que a etiqueta Pescaenverde aporta máis información sobre o impacto ambiental, a confianza que dá unha certificación amparada por unha institución académica de recoñecido prestixio como a Universidade de Santiago e a evidencia de que as especies comercializadas baixo a marca PescadeRías están nos límites aceptables da pegada de carbono e da taxa de retorno enerxético.

Esta ecoetiqueta ten o respaldo científico do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental (Biogroup) da Universidade de Santiago de Compostela, que deseñou un software para promover o cálculo da pegada de carbono e da taxa de retorno enerxética adaptada ás características do sector pesqueiro. No ano 2013 a Oficina Española de Patentes e Marcas expediu o título de rexistro da marca Pescaenverde. Trátase dun selo que aporta información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros teñen sobre o medio ambiente, ao mesmo tempo que outorga un valor engadido aos produtos que incorporan a marca, impulsando a venda nun mercado cada vez máis competitivo e no que moitos compradores buscan produtos respectuosos co medio ambiente.