Boiro acolle en xaneiro un mercado de Nadal de artesanía e gastronomía

Artesanía
Suso Souto
PRESENTACIÓN. María Outeiral e André Adrio. Foto: C.B.

Boiro. O Concello de Boiro, a través do departamento municipal de Cultura, organiza unha nova edición do mercado de Nadal que leva por título Factoría das Raíñas. Na presentación participaron a concelleira de Cultura, María Outeiral, e André Adrio, un dos organizadores da cita.

Esta actividade celebrouse por primeira vez no Nadal de 2019, e no do pasado ano tivo que cancelarse por mor da situación sanitaria derivada da pandemia do coronavirus.

Agora volve celebrarse este Nadal, os vindeiros días tres e catro de xaneiro, na carpa situada na Praza da Boqueira de A Negral.

Será en horario de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.30 horas. No eido da artesanía haberá, por exemplo, postos de produtos naturais, de xoiería e complementos, bolsos ou ilustración, e nos de gastronomía, de gofres e crepes ou cervexa artesanal.

“Quixemos volver celebrar este mercado xa que é unha actividade que axuda a promover e dinamizar o comercio e o consumo local no noso municipio. Con todo, é un momento delicado, polo que é importante que se cumpran de xeito estrito as medidas de seguridade”, sinalou a concelleira María Outeiral.

Por outra banda, este xoves terá lugar no local Leñaverde do centro social boirense a última das sesións do Escape Room organizado polo grupo de voluntariado Turbina. Será ás 17.00 horas (sesión infantil e familiar) e ás 20.00 horas (sesión para a mocidade). A capacidade está limitada a un máximo de 10 persoas. s. s.