Agadea ofrece en Boiro un servizo de estimulación terapéutica para maiores con deterioro cognitivo

Alzheimer
Suso Souto
As actividades celebraranse no centro social de Abanqueiro. Foto: Estudio Área de Arquitectura

Boiro. O Concello de Boiro colabora coa Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer (Agadea) para levar a cabo no municipio un novo servizo de estimulación terapéutica, dirixido a persoas maiores con deterioro cognitivo ou con demencias neurodexenerativas, como alzhéimer, frontoemportal, corpos de Lewy, etc.

“Trátase dunha actividade máis para os boirenses e especialmente para os nosos maiores, aos que temos que coidar e darlles o mellor”, sinalou o alcalde, José Ramón Romero. O obxectivo destas actividades é retardar o deterioro da enfermidade; traballar a memoria, a orientación, a linguaxe e o cálculo; e mellorar a calidade de vida e as relacións interpersoais.

“Ampliamos a rede de recursos e damos unha maior oportunidade aos nosos maiores de manter un ocio activo e manter activa a súa mente, ao tempo que ofrecemos un servizo de conciliación para as familias”, sinalou o concelleiro de Servizos Sociais, Raúl Treus.

As actividades vanse levar a cabo no centro social de Abanqueiro os luns, mércores e venres en horario de 15.30 a 18.30 horas. Máis información no departamento de Servizos Sociais do Concello ou en Agadea. s. souto