Entra na rede provincial o coworking do viveiro, centrado nos sectores do turismo, o mar ou a hostalería // Doce empresarios e comerciantes locais protagonizan unha campaña da patronal á que lle poñen rostro, cada un co seu eslogan TEXTO S. S.

Boiro está formando en diversos sectores a duascentas persoas

Coworking
Suso Souto
CAMPAÑA. Marcos Fajardo, pola esquerda, Daniel García, Valentín González e José Ramón Romero pasan baixo unha das pancartas da campaña protagonizada por doce comerciantes e empresarios. Foto: Suso Souto

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou onte o centro de coworking de Boiro, Lab Barbanza, que pasa a integrarse na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo posta en marcha no marco do Plan de Emprego Local (PEL). Boiro súmase así a Oleiros, Brión, Ames, Carballo, Moeche e A Capela, que tamén contan con centros similares especializados en diferentes sectores.

O coworking boirense está no complexo que alberga o centro de formación e o viveiro de empresas, no polígono industrial, e ocupa 283 m2 distribuídos en 5 oficinas, sala de recepción, servizo de reprografía e sala para reunións, xestión e presentación de proxectos, aseos e zonas comúns. O inmoble conta ademais con xardíns e aparcamento exterior, insonorización, calefacción central de alta eficiencia enerxética, iluminación Led, e conexión de telefonía e fibra óptica en todos os espazos.

A instalación dedicará a maior parte da súa actividade ao sector extractivo-transformador de produtos do mar, hostalería e turismo e pequeno comercio. Pola súa parte, o alcalde, José Ramón Romero, explicou que “queremos que Lab Barbanza sexa unha ferramenta de apoio para as persoas emprendedoras do noso municipio e da comarca e un lugar no que se poidan desenvolver grandes proxectos”.

Romero destacou que, coa súa entrada na rede provincial, “péchase un círculo” e que “hai ano e medio, este centro de formación estaba funcionando a un 10 %; agora está ó 80 % e aínda ten moitas posibilidades de medrar. Na actualidade estamos formando a 200 persoas neste complexo, a través do viveiro de empresas, o plan integral de emprego e os cursos de cociña e de café-bar”.

O programa de formación e aceleración Emprende-Lab Barbanza, no que colabora a patronal, contou dende setembro con 18 emprendedores da contorna, que tiveron a oportunidade de traballar no espazo de coworking e de recibir formación en aspectos fundamentais para o desenvolvemento dos seus negocios. Destes 18 proxectos empresariais, dez xa foron seleccionados para a segunda fase (a de aceleración).

González Formoso desprazouse tamén á rúa peonil, onde presentou unha nova campaña da patronal, que financia con 35.000 € e da que son protagonistas doce socios e socias da entidade. Durante tres meses, os seus rostros van estar moi presentes na vida diaria dos veciños, ó formar parte das 90 pancartas colocadas polas rúas, e nas que recordan a súa actividade con lemas: Manol, de Brico Pestañas (30 anos enmarcando os teus soños); Ana Belén, da Farmacia Ortopedia Torrente (4 anos cerca de vós); Alicia, de Frutas Reyjosa (50 anos sendo a túa horta); Julia, de Bives Tour (10 anos cumprindo os teus soños); Fernando, da Inmobiliaria Mirabén (15 anos atopando teu lugar); Lucía, de Autos R. Outeiral (75 anos sumando quilómetros xuntos); Ángel, da Cetárea A. Mar (22 anos achegando sabor); Óscar, de España y Fernández (42 anos construíndo fogares); Suso, de A Pousada da Galiza Imaxinaria (27 anos facéndote bailar); Jesús, de Abadía de San Enrique, (11 anos compartindo xantares); Gerardo, de Asteleiros Triñanes (42 anos fasquiando o futuro); e Álex, de Deportes SR Balón (39 anos manténdote en forma).

“Esta é a aposta que facemos dende a Deputación cos nosos espazos de traballo colaborativo sectoriais, especializados nun determinado ámbito profesional, un modelo único no país”, sinalou o presidente provincial. Pola súa banda, o concelleiro de Comercio e Consumo de Boiro, Marcos Fajardo, subliñou que “Boiro planta cara cara á crise: en 2020 fixéronse na localidade 4.480 contratacións relacionadas co sector industrial, fronte ós 2.781 de 2019”.