Boiro inicia a execución das beirarrúas e redes de servizos en Esteiro

Infraestruturas viarias
Suso Souto
Treito da estrada no que se están acometendo xa as obras. Foto: C.B.

BOIRO. O Concello de Boiro acaba de poñer en marcha as obras para a execución de beirarrúas e servizos no lugar de Esteiro, na parroquia de Cabo de Cruz. A actuación, que conta cun orzamento de 82.666 euros, vaise levar a cabo con cargo ao Plan Único da Deputación Provincial da Coruña. O proxecto contempla a execución de beirarrúas de metro e medio de ancho e servizos na beira sur do núcleo, seguindo o trazado das existentes. Con esta actuación vaise dotar de seguridade viaria aos peóns que circulan entre Esteiro e a estrada que une a vila de Boiro coa localidade de Cabo de Cruz (DP-1107). Asimesmo, aproveitando estes traballos vaise acometer tamén a rede de recollida de pluviais e mellorar a traída municipal de auga potable, instalando tamén bocas de incendio para a prevención de riscos provocados polo lume. s. s.