Boiro limita a 30 quilómetros por hora a velocidade no centro urbano

Esta medida súmase á implantación da zona azul e á regulación das áreas peonís na vila
Suso Souto
Sinalización de limitación de velocidade a 30 quilómetros por hora nunha rúa de Boiro. Foto: C.B.

Boiro. O Concello de Boiro, a través da área de mobilidade, traballa para mellorar a circulación no municipio. Durante estes días estase realizando a sinalización das vías municipais do núcleo urbano, no que a velocidade máxima permitida se reduce de 50 a 30 quilómetros por hora.

“A finalidade desta limitación é dar prioridade aos peatóns no núcleo urbano, mellorando a circulación e a seguridade dos viandantes”, afirma o alcalde, José Ramón Romero. Os operarios de sinalización viaria comezaron xa a pintar as sinais nas rúas transversais para despois facelo nas máis amplas.

O Regulamento Xeral de Circulación recolle os límites xenéricos de velocidade das vías urbanas, sendo este de 20 km/h para vías que dispoñan de plataforma única de calzada e beirarrúa; de 30 para vías dun único carril por sentido de circulación; e de 50 para vías de dous ou máis carrís por sentido de circulación.

A Ordenanza de Circulación aprobada de xeito inicial pola Corporación no pleno de setembro recolle diversas medidas para favorecer a mobilidade no municipio, como son a regulación das zonas peonís, a determinación de zona azul gratuíta ou as reservas de espazo público. s. s.