Boiro porá en marcha outro obradoiro no eido forestal

As prácticas faranse na contorna dos castros de Neixón ou na finca do Pazo de Goiáns
Obradoiro de emprego
Suso Souto
Vista parcial da finca do Pazo de Goiáns.

Boiro. O Concello de Boiro recibiu da Consellería de Emprego e Igualdade unha subvención para a realización dun obradoiro dual de emprego en xestión forestal, que contará con formación dividida en dúas especialidades e está destinada a persoas demandantes de emprego.

Desenvolverase no Centro de Formación e Viveiro de Empresas de Espiñeira, e contará coas especialidades de aproveitamentos forestais e de repoboacións forestais e traballos silvícolas. O alumnado terá oportunidade de cursar a parte práctica do programa en espazos naturais do Concello, como a finca do Pazo de Goiáns, o Centro Arqueolóxico de Neixón, o tramo do camiño A Orixe e os montes de Peón e do Sino.

Van participar 20 alumnos e alumnas que contarán cun contrato de traballo para formación e aprendizaxe a tempo completo de 40 horas semanais, durante 12 meses e cun horario de 07.30 a 15.30.

Para poder inscribirse neste programa as persoas interesadas deben rexistrarse como demandantes na Oficina de Emprego e solicitar un taller de emprego. Ademais, o Concello de Boiro vai realizar a contratación do persoal docente: un director do obradoiro, un titor docente, dous docentes, un para cada unha das especialidades, e un técnico medio forestal. s. souto