Boiro terá un aula de estudo aberta as vinte e catro horas

Estudiantes
Suso Souto
Aula do centro social de Boiro, edificio no que se habilitará a aula de estudo permanente.

Boiro. O Concello de Boiro traballa na mellora dos servizos e equipamentos para a cidadanía, polo que vai implantar un servizo que permita o acceso as 24 horas á aula de estudo do centro social da vila. O servizo porase en funcionamento coincidindo co novo curso e tamén está previsto que se aplique no espazo Coworking situado no viveiro de empresas do polígono.

Con esta medida, ponse a disposición da cidadanía o servizo as 24 horas do día, os 365 días do ano, para facilitar o acceso aos espazos totalmente equipados e poder facer uso deles mesmo os festivos e durante as noites.

Todas as persoas interesadas en facer uso das instalacións terán que realizar unha solicitude para que se lle facilite unha tarxeta individual e intransferible coa que poder acceder ao espazo solicitado.

Mediante esa tarxeta rexistraranse as persoas que entren e fagan uso da sala e poderá levarse un control de capacidade dos espazos.

No último curso realizouse xa unha mellora na aula de estudo do centro social boirense, ampliando as mesas e o espazo dispoñible.

Por outra banda, o Concello de Boiro vén de convocar dous procesos selectivos para a confección de listaxes para a contratación laboral temporal de fontaneiros e electricistas. Os dous procesos selectivos van seguir un procedemento de concurso-oposición libre e o número máximo de persoas candidatas vai ser de 20. As instancias poden presentarse ata o día 9. s. s.