Bota a andar o espazo para as familias no CRA rianxeiro

Educación infantil
Suso Souto
Imaxe de arquivo de pais e nais xogando cos seus fillos no Espazo das familias do CRA de Rianxo. Foto: CRA de Rianxo

Rianxo. O Colexio Rural Agrupado (CRA) de Rianxo acolle este martes ás 12.30 horas a presentación do programa Espazo das familias, unha actividade que ten como obxectivo principal ofrecer un lugar onde compartir, debater e reflexionar sobre a marabillosa experiencia da crianza dos nenos e nenas.

A asociación socioeducativa Antonio Gandoy, en colaboración co Concello, desenvolverá este programa destinado ás familias do CRA para dar reposta ás necesidades e inquedanzas educativas detectadas, axudando e acompañando ós pais e nais no proceso educativo dos seus fillos.

Levaranse a cabo dúas sesións semanais e terán un carácter fundamentalmente preventivo, actuando tanto de forma grupal, a través de obradoiros, como con intervencións individuais coas familias e nenos e nenas, cando se consideren necesarias.

As temáticas a abordar serán flexibles en función das necesidades detectadas e terán como fin último proporcionarlle ás familias a formación necesaria que fomente o desenvolvemento pleno da infancia. Algunhas das necesidades detectadas son a xestión das rabechas, os perigos da sobreprotección ou a importancia do coidado do coidador, entre outras. s. souto