Bravo lembrou en Aguiño o fracaso dos Goyanes coa pesca do atún en Sálvora

Historia
Suso Souto
CHARLA. Pola esquerda, Daniel Bravo Cores, Unai González, María Sampedro e Pastor Rodríguez. Foto: A.F.L.M.

Ribeira. Case 200 persoas asistiron en Aguiño (Ribeira) á charla do escritor Daniel Bravo Cores sobre aspectos históricos relacionados con dita parroquia, no marco da Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño.

Bravo destacou a importancia da illa de Sálvora como base para as incursións corsarias e piratas na ría de Arousa. “Primeiro foron corsarios do norte de África e, na segunda metade do século XVIII, piratas colombianos fuxidos da impedencia promovida por Simón Bolivar”, explicou o historiador.

Referiuse tamén ás iniciativas agrarias e pesqueiras de dous párrocos de Carreira no século XVIII: Matías Pérez Rincón, que probou con vermes de seda, e Acuña y Malvar, coa cesión de balde de terras dende A Graña ata Couso aos labregos da zona, que as traballaron a cambio de quedar con elas.

Bravo dixo que Jerónimo de Hijosa instalou en 1770 unha factoría en Sálvora, de salgadura de badeixo, a primeira de Galicia, pero que fracasou. “Serían despois os Goyanes os que probasen cunha almadraba para pescar atún na illa de Sálvora (o que fracasa tamén, pois non hai atún alí)”, dixo o escritor.

Asimesmo, destacou a construción de seis almacéns de salazón en Couso, Porto dos Barcos, Area Vasta e Anguieiro en 1833 tras a cesión gratuíta dos terreos por parte de varios veciños de Carreira e Aguiño e o cura de Carreira, José Villarroel, a José Ferrer y Marlés e Francisco Barreras, industriais catalaláns asentados na Pobra do Caramiñal. suso souto