Cen artistas barbanzáns de diversas disciplinas expoñen as súas obras no Museo do Gravado

Exposicións
Suso Souto
INAUGURACIÓN. Asistentes á inauguración das exposicións. Foto: C.R.

Ribeira. Un cento de artistas da comarca do Barbanza están a exhibir dende este venres as súas creacións no Museo do Gravado de Ribeira, no marco do Encontro de Creadoras e Creadores do Barbanza, unha iniciativa integrada polas mostras BarbantiaRte VIII (salas 0 e 1) e Unha manda de pezas para Isaac Díaz Pardo de xente do Barbanza (sala 2).

O encontro amosa a riqueza e o pulo dos seus artistas en todas as disciplinas das artes: pintura, escultura, gravado, esmalte, fotografía, videocreación... Unha panorámica variada, con perto de cen expositores.

Asimesmo, hai unha sala dedicada a Isaac Díaz Pardo, na que se recollen as obras que distintos artistas da comarca do Barbanza fixeron durante os anos 2020 e 2021 e que nunca se expuxeron ao público.

Nesta sala poden verse unha vintena de debuxos do libro Unha presa de dibuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de xente do seu rueiro (1956) propiedade do Museo do Gravado, así como as distintas obras de artistas como Alfonso Costa, Manuel Ayaso, Xulio Gil, Paola García Paz, Xosé Luís Veiras Manteiga, Paco Casal, Che Tembra, Domingo Regueira ou Soledad Penalta. s. souto