Chega ós campamentos a educación emocional co plan O galego campa!

Campamentos
Suso Souto
VISITA. Valentín García e Cristina Pichel, á esquerda, cos mozos e mozas do campamento de Espiñeira. Foto: Suso Souto

BOIRO. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presentaron este martes no campamento xuvenil de Espiñeira (Boiro) o programa de dinamización lingüística O galego campa!, tras o parón do ano pasado, con novas propostas coas que a Xunta busca incidir na expresión persoal e na educación emocional da mocidade. As actividades chegarán a un total de 872 mozos e mozas, entre usuarios e monitorado, de estadía en 13 instalacións xuvenís dependentes da Consellería de Política Social. As actividades, que incluirán a dinámica Canto te quero: conversas en grupo para falar de amor, chegarán ata o 14 de agosto aos campamentos xuvenís de Virxe de Loreto (Porto do Son), Espiñeira (Boiro), Furelos (Melide), Illa de Ons (Bueu), Area (Viveiro), A Devesa (Ribadeo), Benigno Quiroga (Portomarín), As Sinas (Vilanova de Arousa), Os Chacotes (Palas de Rei), Mariña Española (Sada), Gandarío (Bergondo), Pontemaril (Forcarei) e Penedos de Xacinto (Entrimo). Por outra banda, a campaña O galego campa! inclúe novos materiais para o repositorio dixital de tempo libre en galego, accesible tanto para educadores/as como para calquera outra persoa interesada. S. S.