Comeza a instalación de dous pasos elevados e oito semáforos en Aguiño

Seguridad vial
Suso Souto
SEGURIDADE VIAL. Obras de construción dos pasos elevados en Aguiño para a mellora da seguridade vial. Foto: C.R.

Ribeira. O Concello de Ribeira iniciou os traballos para mellorar a seguridade viaria na rúa Listres de Aguiño a través da elevación de dous pasos de peóns na confluencia desta vía coas rúas Castelao e Vionta. Os labores están sendo realizados pola empresa Canarga. Cómpre lembrar que o Concello recibiu nesta primavera autorización da Deputación da Coruña para realizar esta actuación ao estar tales pasos situados na vía provincial DP-7307, que se corresponde coa rúa Listres.

Hai que destacar tamén que, co mesmo ánimo de mellorar a seguridade do tráfico en Aguiño, licitouse a semana pasada o subministro e instalación de oito semáforos no cruce das rúas Francisco Lorenzo Mariño, Vionta, Listres e da Cerca. Catro deles disporán de tres ópticas para vehículos e dous para peóns, mentres que os outros catros disporán de dúas ópticas para peóns. A execución deste proxecto leva aparellado o subministro e instalación tamén dun regulador electrónico, avisador acústico, pulsador táctil e interruptor diferencial, entre outros elementos.

Tamén se colocarán na beirarrúa luminarias Led a ambos extremos de cada paso de peóns sobre báculos ou na propia columna. A iniciativa conta cun orzamento base de licitación de 46.200,01 euros, IVE incluído, cofinanciado con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro da Edusi Máis Ribeira Atlántica. O prazo de presentación de ofertas remata o 22 de setembro a través da plataforma Silex. s. s.