Comezan as reformas no polideportivo da Pobra tras dous anos pechado

Instalacións deportivas
Suso Souto
VISITA. O alcalde, Lois Piñeiro, e a edil de Deportes, Genoveva Hermo, no pavillón. Foto: C.P.

A POBRA. Unha vez rescindido o contrato ca empresa que resultara adxudicataria das obras do polideportivo da Pobra, e tras dous anos pechado ó público, esta semana iníciase a primeira parte do proxecto. Esta primeira fase focalízase na estrutura da instalación. Substituirase a cuberta por unha nova en chapa de aceiro, e no interior renovarase o falso teito. Procederase tamén co reforzo e tratamento de estrutura da cuberta, polo que se instalarán unhas chapas perforadas para facilitar a ventilación e unha rede nova horizontal para protexer os paneis. Así mesmo, actuarase nas columnas exteriores para consolidalas, pintaranse estes piares e as vigas exteriores e repararanse fendas das paredes. O investimento é de 228.617 €. Cando remate comezarase a tramitar a segunda fase, para acondicionar as gradas e facer accesibles os aseos. S.S.