Contratarán a seis auxiliares para a Policía ribeirense

Policía Local
Suso Souto
Un axente da Policía Local de Ribeira.

Ribeira. O Concello de Ribeira abriu o prazo de presentación de instancias para a contratación temporal de seis auxiliares da Policía Local e para a formación de bolsas de emprego tanto para persoal de atención nas oficinas municipais de información turística como para contar cun técnico ou técnica de orientación laboral, en previsión da substitución do posto.

As solicitudes para tomar parte nestes procesos selectivos farase durante un prazo de dez días hábiles (ata o seis de abril). As bases e o modelo de instancia están dispoñibles no taboleiro de anuncios do Concello e na web municipal. No caso dos auxiliares da Policía, a duración dos contratos será de seis meses.

Por outra parte, o Boletín Oficial do Estado anunciou o proceso de contratación por concurso-oposición dunha praza de técnico de administración xeral na rama xurídica (grupo A, subgrupo A1). As bases poden ser consultadas na edición do 25 de febreiro de 2022 do Boletín Oficial da Provincia da Coruña.

Asimesmo, o Concello vén de convocar o proceso selectivo para a contratación laboral temporal dun axente local de innovación. Entre as súas funcións figuran as de executar as políticas de innovación deseñadas polo Concello de Ribeira nos programas de financiamento europeo (tales como a Estratexia Urbana Sostible, financiada polos fondos FEDER, e o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, financiada polos fondos Next Generation). s. s.