Cuberta con paneis solares para a praza consistorial de Boiro

Instalarase sobre o parque infantil e disporá de varios cargadores de USB de intemperie
Infraestruturas
Suso Souto
Boceto da cuberta que se vai instalar na praza. Foto: D. da C.

A Deputación da Coruña financiará a través do Plan Único (POS+2019) as obras de construción dunha cuberta con iluminación solar fotovoltaica para o parque infantil situado na Praza de Galicia, no núcleo urbano de Boiro.

A actuación, que está valorada en 247.740,25 euros e financiada ao 100 % polo organismo provincial, permitirá crear unha cuberta tipo pérgola duns 22 por 32 metros para que funcione como abrigo tanto do parque infantil existente como do espazo contiguo destinado a parada do transporte público.

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, apuntou que o proxecto “é un bo exemplo de como o Plan Único axuda a mellorar as infraestruturas e servizos municipais, deixando ademáis que sexan os propios concellos os que decidan cales son as súas necesidades”.

“Con esta actuación damos resposta a unha importante demanda da poboación, para cubrir o parque infantil e que os cativos teñan onde xogar en inverno, así como cubrir a parada de autobus e o acceso ao aparcamento público, evitando así unhas filtracións de auga existentes nesa zona”, afirmou pola súa banda o concelleiro de Urbanismo e Obras de Boiro, Luis Ruiz.

A estrutura estará formada por pórticos de madeira laminada e o peche da cuberta realizarase a base de láminas de policabornato celular de 16 milímetros e protección ós raios ultravioleta para garantir o control da calor e da radiación solar emitida no interior do espazo cuberto.

Tamén se instalará iluminación mediante tiras de Led integradas nun perfil de aluminio e, en zonas accesibles, colocaranse varios cargadores USB de intemperie con resistencia ao po e á humidade. Este sistema de alumeado e cargadores USB será alimentado por un sistema de paneis solares fotovoltaicos.

A administración local ten aberto xa o proceso de licitación e as empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o vindeiro día 27.

O Plan Único da Deputación da Coruña financiará no ano 2020 a renovación ou creación dun total de trece parques infantís noutros tantos concellos da provincia, sumando un investimento total de 951.252 euros.