Declaran a ocupación de 27 predios para a senda A Casilla-O Araño-Burés

senda peonil
Suso Souto
Trazado da senda peonil A Casilla-O Araño-Burés. Foto: Xunta

rianxo. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou este martes no Diario Oficial de Galicia o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción dunha senda na AC-305, no treito A Casilla-O Araño-Burés, no concello de Rianxo. A Xunta investirá preto de 400.000 euros neste itinerario, que se executará na marxe dereita de dita vía autonómica. O decreto de declaración de utilidade pública inclúe as expropiacións dos 27 predios precisos para impulsar esta actuación, cuxo pagamento está incluído no orzamento das obras. O obxectivo da Xunta é licitar os traballos entre finais deste ano ou principios do vindeiro, para a súa execución en 2022. A obra terá un prazo de execución de 6 meses. Os novos treitos da senda suman 1,3 quilómetros. s. s.